Bases 2ª Convocatoria do Espazo Emprendedor de Marín

BASES:

POLAS QUE SE REGULA O ESPAZO EMPRENDEDOR DE INNOVACIÓN ALIMENTARIA DO CONCELLO DE MARÍN XESTIONADO POLA ASOCIACION DE JOVENES EMPRESARIOS DE PONTEVEDRA 

1 .- OBXECTO

As presentes Bases teñen por obxecto a regulación do funcionamento do Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria (en adiante, EEIA) do Concello de Marín, establecendo o procedemento de adxudicación de espazos, a relación entre os cesionarios e o órgano de xestión do EEIA, a normativa de réxime interno, e o réxime económico.

2 .- DESCRICIÓN DE INSTALACIÓNS

Este emblemático local está ubicado dentro do espazo portuario de Marín, con acceso dende o casco urbán da cidade.

O centro conta cun aula gastronómica e de showcooking cunha superficie de 85,83 m2 e dos despachos independentes de 17,97 m2, 16,27 m2. respectivamente.Quedando pendente de adxudicación un dos despachos. Ademáis existen outros dous espazos a maiores, una sala de reunións e baños totalmente equipados.

3 .- OBXECTIVOS DO EEIA

O obxectivo principal da implantación deste espazo é o de dar ó Concello de Marín a posibilidade e o impulso necesario para responder a unha demanda das empresas de toda a provincia nun lugar inmellorable e coa mellor comunicación posible.

A creación e posta en marcha do EEIA por parte do Concello de Marín xestionado por AJE Pontevedra ten como finalidade a de acadar os seguintes obxectivos:

  1. a) Contribuir á creación, impulso e consolidación de novos proxectos empresariais.
  2. b) Favorecer a creación de novos postos de traballo.
  3. c) A promoción e diversificación da estrutura produtiva local, favorecendo a instalación de empresas de carácter innovador.
  4. d) Crear un medio idóneo en condicións de prezos e servizos que permita ás iniciativas empresariais desenvolver o seu Plan de Empresa para que, cun tempo de estancia limitado, consigan estar en situación de competir e actuar en situacións de mercado.
  5. e) Ser un instrumento de apoio eficaz para aquelas iniciativas que, polas características da súa actividade, non precisan dun gran espazo físico de ubicación, pero sí da infraestrutura, a loxística e os servizos que oferta o EEIA.
  6. f) Contribuir ao desenvolvemento e dinamización do tecido económico no ámbito municipal de Marín.

– Favorecer a promoción das empresas do sector alimentario e dos productos locais facilitando o espazo do EEIA para demostracións de productos innovadores, showcookings, e diversas actividades que poidan xurdir da asociación coas empresas

– Servir como espazo formativo especializado no sector da Alimentación

4 .- SERVIZOS

O EEIA porá a disposición dos beneficiarios os seguintes servizos:

  • Información e asesoramento en temas de emprendemento.
  • Servizo de limpeza e mantemento.
  • Iluminación.
  • Climatización.
  • Liña telefónica e conexión a internet.
  • Uso de zonas comúns

A utilización dos espazos obxecto da cesión e aqueles de uso común, así como o horario de traballo, regularase a través de regulamento de funcionamento interno, que deberán ser coñecidos, aceptado e respectado polos cesionarios, e cuxo incumprimento reiterado poderá ser causa de resolución do contrato pactado polas partes.

Neste senso, e a efectos de control interno, os cesionarios deberán solicitar ao órgano de xestión do EEIA, a utilización dos espazos de uso común.

5 .- CESIONARIOS E REQUISITOS

Poderán optar a ser cesionario do EEIA:

  1. As empresas de nova creación, entendéndose por tales aquelas:
  • Empresas en proxecto: Que se constitúan legalmente no prazo máximo de tres meses dende a súa instalación no EEIA. Neste caso, o contrato terá unha duración máxima de tres meses, podendo prorrogarse este prazo no caso de que se proceda á constitución legal da empresa e o proxecto empresarial se considere viable (pola vía ordinaria).
  • Empresas novas: Que comecen a súa actividade económica coa instalación no EEIA.
  • Empresas recentes: Aquelas cuxo inicio de actividade tivera lugar como máximo, nos dous anos anteriores á data da solicitude de admisión no EEIA.
  1. Empresas xa constituídas cunha antigüidade máxima de tres anos, filiais, delegacións ou sucursais da empresa matriz.
  2. As Fundacións, Asociacións, Federacións, Clústers ou calquera outra entidade de base asociativa de carácter empresarial.

A efectos de aplicación das tarifas por servizos só terán a condición de cesionarios aqueles que cumpran os requisitos necesarios para ser considerados como empresas de nova creación.

Requisitos mínimos para o caso de empresas:

  1. Tratarse de empresas xa constituídas ou de nova creación, nos termos anteriormente apuntados.
  2. Ter o domicilio da actividade no municipio de Marín. Non obstante, permitirase a ubicación física de empresas que non teñan o domicilio social e/ou da actividade en Marín, sempre que existan espazos dispoñibles e condicionado ao carácter preferente que ostentarán aquelas empresas que sí o teñan.
  3. Non desenvolver actividades consideradas nocivas, insalubres ou perigosas.
  4. Adicarse a tarefas de servizos de calquera actividade empresarial.
  5. Para empresas de nova creación, presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica.

6.- CAPACIDADE PARA SER CESIONARIO

  1. Poderán ser cesionarias todas as persoas físicas ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar e desexen iniciar o exercicio dunha actividade empresarial ou profesional no EEIA, outorgando prioridade a aqueles proxectos innovadores no sector da alimentación.
  2. Non poderán ser cesionarias as persoas que se atopen incursas nalgunha das prohibicións que sinala o artigo 71 Lei 9/2017, do 8 de novembro, de Contratos do Sector Público (en adiante LCSP). Os que acorden unha cesión de espazo co Concello de Marín deberán estar ao corrente de pago das cargas sociais e no cumprimento das obrigas tributarias estatais, autonómicas e locais.

7.- CONVOCATORIA

A selección dos cesionarios poderase realizar por calquera dos seguintes métodos:

  1. Convocatoria pública conxunta, total ou parcial, dos espazos do EEIA, efectuada polo órgano competente para a súa resolución.
  2. Convocatoria continua en función das vacantes existentes. Finalizado o prazo de convocatoria pública conxunta, se quedaran espazos vacantes, os interesados poden presentar as solicitudes tal e como se indica na base 8ª.

 

8.- SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN

  1. As solicitudes presentaranse nas oficinas da Asociacion de Jovenes Empresarios de Pontevedra (Aje Pontevedra) na Rúa Herreros nº28 – 4ª Planta na Cidade de Pontevedra.
  2. Ábrese un prazo de quince días naturais para presentar as solicitudes, dende a publicación da convocatoria.
  3. Unha vez pechado o prazo marcado para a admisión de solicitudes da convocatoria de primeira ocupación do EEIA e rematado o proceso completo de selección, no caso de que quedaran espazos vacantes abrirase anualmente unha convocatoria continua na que os interesados poderán presentar as súas solicitudes do modo que se indica nestas bases.
  4. O Concello de Marín resérvase o dereito a modificar o proceso de selección da cesión de espazos no EEIA no momento que o considere necesario.
  5. No seu caso, será de aplicación o previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sobre corrección e melloras na solicitude. Así mesmo, o órgano competente poderá solicitar aos solicitantes cantos documentos, datos e aclaracións sexan precisos para a correcta valoración do proxecto empresarial presentado.

Coa solicitude debidamente asinada, que figura no anexo ás presentes bases, as persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:

  • Fotocopia do DNI do promotor ou promotores.
  • Fotocopia da escritura pública de constitución, de ser o caso.
  • Fotocopia do CIF, de ser o caso.
  • Modelo 036/037.
  • Certificado de estar ao corrente dos pagos coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, coa Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello de Marín.
  • Memoria do proxecto.

 

9.- XESTIÓN DO CENTRO E PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN

O Concello de Marín ostenta e desenvolve, a dirección da actividade do EEIA, para o que poderá adoptar cantas decisións sexan necesarias, incluíndo a posibilidade de concertar mediante convenios e contratos aquelas partes do seu funcionamento que considere que poden mellorar a eficacia e a eficiencia no seu funcionamento, inluíndo a xestión e coordinación do espazo.

Co fin de facer do EEIA un proxecto aberto, dinámico e innovador , crearase un comité executivo  do que poderán formar parte, a proposta da alcaldía,  aquelas institucións, asociacións, clústers ou calquera outra entidade de base asociativa de carácter empresarial que financien, promovan ou colaboren activamente no desenvolvemento do espazo.

  • Alcaldía do Concello de Marín ou persoa en que delegue.
  • Axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Marín.
  • Representante da Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra

 

A presidencia deste comité será ostentada pola alcaldía do Concello de Marín quen terá voto de calidade na toma de decisións deste órgano de xestión.

Este comité considerarase un ente dinámico, podendo causar baixa calquera das partes e alta as que xurdan das propostas da alcaldía.

O comité executivo será o encargado de resolver os procesos de selección. Que se reunirá en convocatoria Ordinaria unha vez ó ano, e de maneira Extraordinaria as veces que se considere necesario, a proposta, da Alcaldía, ou a solicitude de 1/2 dos integrantes.

A selección dos proxectos que solicitan a ocupación temporal dun espazo no EEIA realizarase en base a toda a documentación presentada polo promotor ou promotores, e tendo en conta os criterios de baremación de solicitudes fixados na base Décima das presentes bases.

10.- CRITERIOS DE BAREMACIÓN DAS SOLICITUDES

Para a selección dos proxectos teranse en conta os seguintes criterios:

  1. Proxectos empresariais sen alta ou constitución formal promovidos por persoas ou grupos de persoas non constituídas como empresas, pero que no prazo de 3 meses dende a notificación da resolución sobre a autorización de uso de oficinas, presenten xustificación de comezo de actividade (20 puntos).
  2. Fomento do autoempresgo en colectivos de difícil inserción (ata 20 puntos).

Se o promotor pertence a algún dos colectivos de maior dificultade na inserción dos que figuran a continuación, acadaría as seguintes puntuacións:

– Mozos/as menores de 30 anos: 5 puntos.

– Mulleres: 5 puntos.

– Maiores de 45 anos: 5 puntos.

– Persoas cun grado de discapacidades igual ou superior ao 33%: 10 puntos.

  1. Tipoloxía e fundamentación da actividade a desenvolver (ata 15 puntos)

– Empresas ou proxectos empresariais pertencentes a sectores relacionados cos novos xacementos de emprego. Este criterio acreditarase coa presentación da escritura de constitución e documentos dos rexistros de inscripción obrigatoria.

– Empresas pertencentes ao sector da alimentación.

  1. Situación de desemprego, según o seguinte cadro:
1 persoa 2 persoas 3 persoas
Menos de 3 meses 1 punto 2 puntos 3 puntos
De 3 a 6 meses 2 puntos 4 puntos 5 puntos
De 6 a 12 meses 3 puntos 6 puntos 8 puntos
Más de 12 meses 4 puntos 8 puntos 10 puntos

 

  1. Domicilio social da empresa no término municipal de Marín (ata 10 puntos)

PUNTUACIÓN MÁXIMA: 75 puntos.

11.- RESOLUCIÓN

1.- O prazo máximo para resolver as solicitudes será de dous meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido dito prazo sin recibir resolución, os interesados entenderán desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes. En todo caso, as resolucións serán notificadas aos interesados.

2.- A resolución e a adxudicación de espazos non substituirá en ningún caso a obrigatoriedade da solicitude e obtención, no seu caso, de todas as licenzas e autorizacións que sexan preceptivas para o desenvolvemento da actividade.

12.- OUTORGAMENTO DA CONCESIÓN E TOMA DE POSESIÓN DO ESPAZO SOLICITADO

1.- Unha vez notificado o acordo polo que se procede á adxudicación do espazo no EEIA, o adxudicatario subscribirá nun prazo de 15 días hábiles, un acordo de cesión do espazo con Concello de Marín que conterá os dereitos e obrigas por ambas partes, e que desenvolverá o establecido neste documento.

2.- A elección dos espazos ofertados farase segundo a orde da puntuación obtida.

3.- No suposto de renuncia ou desistencia de algún candidato ou proxecto seleccionado requerirase ao seguinte en orde de puntuación.

4.- A non formalización do acordo de cesión no prazo establecido no punto primeiro da base número doce, fará perder o seu dereito ao candidato ou proxecto seleccionado e requerirase ao seguinte en orde de puntuación. Este prazo poderá prorrogarse previa solicitude xustificada por non ser tempo suficiente para cumprir coas obrigas sinaladas no seguinte punto.

5.- Antes da formalización do acordo de cesión do espazo no EEIA, os candidatos ou promotores dos proxectos seleccionados deberán achegar a seguinte documentación:

  1. Certificacións administrativas expedidas polos órganos competentes nas que se acredite estar ao corrente coas obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade de Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social e o Concello de Marín, de ser o caso.

Todo de acordo e nos termos precisados polos artigos 13 e seguintes do RD 1098/2001, de 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de Contratos das Administracións Públicas.

  1. A cota pola cesión de espazos e prestación de servizos comezará a devengarse a partires do día seguinte á sinatura do acordo de cesión do espazo.
  2. A ocupación do espazo farase efectiva no prazo dun mes desde a sinatura do acordo.

13.- CAUSAS DE RESOLUCIÓN DO ACORDO DE CESIÓN DO ESPAZO

Serán causa de resolución do acordo de cesión do espazo no EEIA as seguintes:

1.- A quebra, concurso de acreedores, suspensión de pagos ou quita e espera do empresario.

2.- A extinción da personalidade da sociedade ou falecemento do empresario individual.

3.- A falta de pagamento do prezo correspondente.

4.- O cesamento por parte da empresa da actividade durante máis de 3 meses consecutivos.

5.- Incorrer en algunha das infraccións tipificadas como moi graves na base dezasete.

6.-  A renuncia por parte do empresario.

7.- De mútuo acordo.

14.- DEREITOS E OBRIGAS DOS CESIONARIOS

1.- Dereitos:

1.1 Á utilización do espazo cedido durante o tempo fixado nestas bases.

1.2 Ó uso dos elementos comúns, de acordo coas normas establecidas polo EEIA.

1.3 A recibir os servizos prestados con carácter xeral por parte do Concello de Marín e AJE.

1.4 A adecuar o espazo segundo as súas necesidades pola súa conta, por medio de aparatos ou instalacións complementarias, previa autorización da Comisión Executiva e de Seguemento, sempre que non menoscaben o lugar onde se realicen nin sexa contrario aos fins públicos do EEIA ou causen danos materiais ao resto de usuarios.

2.- Deberes:

2.1 Os cesionarios únicamente poderán utilizar os despachos para levar a cabo as funcións obxecto da actividade empresarial valorada no Plan de Empresa.

2.2 O uso do despacho é persoal e intransferible, polo que o cesionario non poderá arrendar nin ceder o despacho, en todo ou en parte, e incluso a título gratuíto ou accidental.

2.3 Aboarlle ao Concello de Marín os prezos que se determinen no correspondente acordo regulador. Ditos prezos poderán verse incrementados previo acordo e comunicación por parte do Concello de Marín.

2.4 Constituirse como empresa ou estar dado de alta no correspondente Réxime da Seguridade Social, e cumprir todas as obrigas fiscais, laborais e lexislativas, en xeral.

2.5 O cesionario estará obrigado a subsanar aqueles desperfectos que ocasione no seu despacho.

2.6 O cesionario deberá manter o despacho en estado de utilización efectiva, e deberá devolvelo nas mesmas condicións nas que lle foi entregado.

2.7 Manter vixentes en todo momento as condicións requeridas no momento do acceso.

2.8 Iniciar a actividade no despacho obxecto da cesión no prazo improrrogable dun MES desde a data da sinatura do contrato de cesión.

2.9 Estar ao día no cumprimento das obrigas relativas a cargas, impostos e gravames que pesen sobre a actividade profesional ou empresarial de que se trate.

2.10 Estar ao día coas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, coa Axencia Tributaria e coa Seguridade Social.

15.- ACTIVIDADES EXCLUIDAS

Quedan excluídas, e serán obxecto da rescisión do contrato de cesión, as seguintes actividades:

1.- Aquelas actividades non permitidas pola legalidade vixente.

2.- Aquelas que non conten cun plan de viabilidade co visto bo da Comisión executiva e de seguemento.

3.- Aquelas actividades non previstas no acordo suscrito obxecto da cesión do espazo.

4.- Aquelas que pola súa natureza poidan ser consideradas como molestas, insalubres, nocivas ou perigosas.

5.- De forma xeral, os cesionarios dos espazos non deben perturbar o ambiente no EEIA mediante ruidos, cheiros, vibracións, ou calquera outra causa que afectar e/ou producir molestias aos restantes ocupantes.

16.- FUNCIONAMENTO DOS ESPAZOS DE USO COMÚN

Cada un dos cesionarios poderá facer uso das zonas de uso común, en conformidade ao seu obxecto, a condición de que non impidan con iso facer uso do seu dereito aos restantes cesionarios e o seu bo funcionamento, coas seguintes particularidades:

  1. a) As zonas comúns deberán utilizarse de conformidade co uso previsto para as mesmas.
  2. b) O Concello de Marín poderá, en calquera momento, reservarse o uso, total ou parcial, das zonas comúns, previo aviso aos cesionarios dos espazos do EEIA.

17.- FUNCIONAMENTO DO ESPAZO DE SHOWCOOKING

A utilización do espazo previsto para showcooking requerirá de previa reserva de data e hora. O Concello de Marín resérvase o dereito de pechar o espazo con motivo do desenvolvemento de accións formativas de interese xeral.

18.- INFRACCIÓNS

As accións ou omisións contrarias a estas Bases terán a consideración de infraccións de carácter administrativo e serán sancionadas según o estipulado nas mesmas, a non ser que poidan constituir delitos ou faltas tipificadas ante leis penais, caso no que a acción ou omisión pasará ao ámbito da orde xurisdiccional competente e absterase de seguir o procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dite sentenza firme.

Serán Infraccións leves aquelas que, pese ao incumprimento das cláusulas contractuais, non supoñan un prexuízo de gran entidade, tipificándose como tales as seguintes:

  1. a) As que impliquen neglixenciaa na prestación do servizo e non supoñan unha alteración grave para o seu funcionamento.
  2. b) A omisión do deber de comunicar as incidencias ou anomalías, non imputables á persoa contratista e que sexan detectadas.

Serán Infraccións graves:

  1. a) A reiteración na comisión de faltas leves.
  2. b) A desobediencia ás ordes da persoa responsable na vixiancia do contrato.
  3. c) As accións ou omisións que alteren a regularidade na prestación do servizo.
  4. d) A carencia de elementos necesarios para a prestación do servizo.
  5. e) O trato irrespetuoso ao público, persoal municipal ou axentes da autoridade, así como calquera outra acción persoal que supoña un desprestixio do servizo.
  6. f) Non acudir ás convocatorias ou xuntanzas de seguemento do contrato.

Serán Infraccións moi graves aquelas que supoñan un incumprimento das condicións do contrato ou unha deficiente xestión do servizo, ademáis das seguintes:

  1. a) Obstaculizar a inspección ou fiscalización do persoal municipal.
  2. b) Incumplir as normas laborais ou convenio colectivo do persoal a empregar.
  3. c) Ceder o contrato sen a debida autorización municipal.
  4. d) Incumprir obrigas salariais ou de seguridade social respecto ás persoas traballadoras a empregar.
  5. e) Negarse a abandonar as instalacións do EEIA despois da data da expiración do contrato.
  6. f) Reiteración na comisión de faltas graves.

19.- SANCIÓNS

As faltas leves terán unha multa de 100€

As faltas graves terán unha multa de 500€

As faltas moi graves terán unha multa de 1000€ ou a revogación do contrato de cesión.

20.- TEMPO DE CESIÓN

O tempo de cesión dos despachos será de un ano prorrogable ata un máximo de 4 anos, garantizando así apoio, a igualdade de oportunidades e a rotación das diferentes iniciativas empresariais.

 

 

 

 

 

×